Os días 5, 6 e 7 de xullo celebrarase a edición número 11 do Corazón da Artesanía, un Encontro anual da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia nun lugar máxico que seguramente xa coñeceredes, o conxunto histórico-artístico dos Pendellos, Agolada (Pontevedra).
Este encontro é referente no sector e está máis que consolidado como un escaparate perfecto de promoción e posta en valor dos oficios artesanais tradicionais que se desenvolven en Galicia. Hai unha representación de preto de 30 oficios, ademais de contar con espazos para os produtos gastronómicos, onde estaremos Adegas Celme.
Entre as propostas gastronómicas atoparedes a moitos dos produtores cos que traballamos ao longo do ano no noso espazo de tenda-degustación Celme 25 Reais, en Vigo.
O Corazón de Galicia convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas a través dun interesantísimo programa de actividades.
A exposición e venda de produtos artesanais combínase coa demostración ao vivo de oficios e con postos de venda de produtos gastronómicos de calidade, onde poderedes atopar e degustar os nosos viños ecolóxicos da D.O. Ribeiro como o Tostado do Ribeiro ou o noso vermú Celmú e coñecer de primeira man as nosas propostas de enoturismo.
Entre as actividades programadas inclúense cursos de formación especializada para artesáns, obradoiros abertos para todos os públicos e conferencias, demostracións en vivo de prestixiosos chefs galegos que, no marco da iniciativa Artesanía no Prato, empregan pezas de artesanía como soporte e presentación dos seus menús achegándolles un valor engadido.
Toda esta intensa programación complétase con actuacións musicais e de baile tradicional.
O Corazón da Artesanía favorece a promoción, divulgación e comercialización do produto artesán galego e non podemos estar máis felices en Adegas Celme de participar un ano máis neste Encontro.
Consulta o programa completo ⇒