Quen somos

Somos Dori e Jorge, dous entusiastas da viticultura que decidimos cumprir o noso soño e poñer a andar o proxecto que nos permitiría elaborar os nosos viños nunha pequena adega do Ribeiro.

A nosa aventura comezou en Lugo no ano 2009, onde chegamos por razóns de traballo. Entón coñecemos a Mercedes e o club de cata Vitislucus, que nos iniciaron na paixón polo viño. Isto permitiunos coñecer os procesos de elaboración, as paisaxes e as persoas que, coma nós o facemos agora, vivían con intensidade a elaboración dos seus viños.

A aventura parece un pouco aloucada pois somos enxeñeiros de formación, nacidos lonxe das zonas vitícolas de Galicia e sen experiencia previa nin tradición familiar no sector. Pero a paixón e o entusiasmo levounos a recorrer Galicia na busca do viñedo perfecto para elaborar os nosos propios viños.

É así como en 2016 chegamos ó Ribeiro da man do noso enólogo Pablo Estévez, axuda fundamental para sacar adiante o proxecto.

O Noso Proxecto

A idea

O noso proxecto comezou a xermolar, primeiro como unha inquietude, logo como unha idea un pouco tola, e acabou por converterse nunha necesidade que soubo encontrar o camiño para ser satisfeita, finalmente, coa elaboración dos nosos propios viños. Trátase dun proxecto persoal e vital que intenta facer dunha paixón un modo de vida. Está fortemente ligado á terra, á tradición e ó vínculo que sentimos pola natureza. A busca non foi sinxela. A principios de 2016 atopamos xusto o que estabamos buscando en Astariz (Castrelo de Miño) na D.O. Ribeiro: unha finca de 2 Ha, con castes autóctonas (brancas e tintas) nunhas condicións excepcionais para producir viños da máxima calidade. Todo isto nun entorno privilexiado marcado pola historia e a paisaxe.

Celme

“A esencia,
o máis exquisito e depurado
ó padal e ó gusto”
“A esencia, o que ten máis substancia dunha cousa”
“Gusto ou substancia agradables dunha cousa”

Diccionario da Real Academia da Lingua Galega

A Nosa Filosofía

O noso nome, Celme, é o reflexo da nosa filosofía. Nos nosos viños tratamos de transmitir a esencia e a mellor parte do noso viñedo. Coidar das nosas viñas é o eixo principal do noso traballo, xa que entendemos que só partindo dunha excelente materia prima poden xurdir os mellores viños. Os nosos esforzos empezan no coidado da viña, pero esténdense a todo o proceso, coidando todos e cada un dos pequenos detalles dende o viñedo ata a embalaxe final.

O noso compromiso vai máis aló da calidade dos nosos viños; é un compromiso firme co noso entorno e co futuro da nosa terra, que mostramos a través dunha produción 100% ecolóxica. O proceso para chegar ata aquí foi longo e laborioso. Unha das nosas primeiras decisións neste sentido foi a eliminación dos herbicidas no coidado da viña, substituíndoos por procesos mecánicos. Tamén trocamos os abonos químicos por abonos orgánicos e durante anos traballamos para reducir o uso de produtos fitosanitarios ata que finalmente no ano 2019 decidimos converter todo o noso viñedo a produción 100% ecolóxica. O proceso completouse no ano 2022 cando obtivemos o certificado ecolóxico para o noso viñedo e os nosos viños por parte do Consello Regulador de Agricultura ecolóxica de Galicia (CRAEGA)

Complementamos o traballo tradicional no viñedo coa innovación nas instalacións da adega. Utilizamos depósitos de pequena capacidade, de aceiro inoxidable, con control de temperatura automatizada, cinta de selección e unha distribución en planta que nos permite traballar por gravidade mantendo a uva en perfecto estado durante todo o proceso. Innovando nos medios conseguimos elaborar os viños de forma tradicional, coa máxima calidade e ó mesmo tempo cunha mínima intervención na adega.

AGRICULTURA ECOLÓXICA

Como evolución lóxica e natural do noso traballo e da nosa filosofía, e despois de varias probas en algunha zona do viñedo, no ano 2019 comezamos a traballar a nosa viña 100% segundo os criterios de agricultura ecolóxica. Case ó mesmo tempo comezamos tamén os trámites para a certificación ecolóxica do noso viñedo no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). Foi un proceso longo e de constantes inspeccións do noso traballo pero finalmente podemos dicir orgullosos que os viños da colleita 2022 son os primeiros xa certificados có selo ecolóxico do CRAEGA.

Producir en ecolóxico non é sinxelo, supón moito máis traballo na viña e unha considerable redución da produción (que pode chegar ó 90% nos anos máis difíciles). Pero aceptamos con gusto e ilusión o sacrificio que supón pois as vantaxes superan claramente ós posibles inconvenientes. Esta é a nosa forma de protexer o medio que nos rodea, a nosa saúde e a de todos os que consumen os nosos produtos, e tamén é a única forma de ser máis responsables na nosa forma de producir e de consumir.

PRENSA

O noso proxecto de vida é certamente singular: a nosa historia, a transición a produción ecolóxica, e as elaboracións singulares como o noso tostado ou o noso vermú artesán. Iso a veces chama a atención de algún medio de comunicación. Velaquí tedes algunhas das nosas mencións e colaboracións en prensa: