Somos Dori e Jorge, dous entusiastas da viticultura que decidimos cumprir o noso soño e poñer a andar o proxecto que nos permitiría elaborar os nosos viños nunha pequena adega do Ribeiro.
A nosa aventura comezou en Lugo no ano 2009, onde chegamos por razóns de traballo. Entón coñecemos a Mercedes e o club de cata Vitislucus, que nos iniciaron na paixón polo viño. Isto permitiunos coñecer os procesos de elaboración, as paisaxes e as persoas que, coma nós o facemos agora, vivían con intensidade a elaboración dos seus viños.
A aventura parece un pouco aloucada pois somos enxeñeiros de formación, nacidos lonxe das zonas vitícolas de Galicia e sen experiencia previa nin tradición familiar no sector. Pero a paixón e o entusiasmo levounos a recorrer Galicia na busca do viñedo perfecto para elaborar os nosos propios viños.
É así como en 2016 chegamos ó Ribeiro da man do noso enólogo Pablo Estévez, axuda fundamental para sacar adiante o proxecto.