Blog

O comezo

Vai facer xa cinco anos desde que empezamos o noso proxecto e o certo é que aínda non houbo moito tempo para sentarse e contar a nosa experiencia. Tócanos vivir tempos difíciles, pero todo ten sempre un lado positivo. E neste caso o bo é que, tal e como pintan os vindeiros meses, imos poder ter a oportunidade de contar algo máis sobre o que facemos, como o facemos e porqué o facemos. Iso entre moitas outras cousas. Queremos falar en xeral do que nos gusta, da boa vida, deses pequenos proxectos que van xurdindo, do bo comer e do bo beber, de enoturismo; e tamén de cousas que nos preocupan, de consumo responsable, de agricultura ecolóxica e, en xeral, de todo o que nos pareza interesante compartir.

Esta idea do blog leva xa un tempo roldando as nosas cabeciñas inquedas. Vivimos con entusiasmo o que facemos, pero decatámonos de que é aínda mellor se o compartimos. Vén moita xente á nosa adega coa que temos, a maior parte das veces, longas conversas cunha copa de viño na man; pero este blog nace para a xente que está lonxe (ou non tan lonxe, pero confinados, que xa pasamos todos por aí e igual nos toca volver), pero tamén para a xente que non nos coñece (cerca de nove mil millóns de persoas a día de hoxe, pero cada vez menos) e lle gustaría saber máis de nós. Con todos eles compartiremos unha copa de viño neste espazo virtual. E se o que temos que contar lles resulta interesante (malo será) volveremos a xuntarnos aquí cada semana (con outra copa de viño, que en viño non hai que aforrar, ou?).
E como o imos facer? Pois o mellor que poidamos, que non hai outra. E con agarimo, con ironía (así somos), con bo humor (que para cabrearse e sufrir xa está o telexornal) e con opinións persoais (que gustarán máis ou menos, pero serán as nosas).

Pero isto é so unha declaración de intencións. O serio comeza aquí mesmo dentro dunha semaniña.

Agardámosvos!