Blog

adegas celme - os mellores queixos

Os mellores queixos con DOP de Galicia (e do mundo)

Se hai algo que non falta nunca na nosa mesa é un bo queixo (o bo viño tampouco, claro). O queixo é un dos avances máis significativos do mundo civilizado; e do resto do mundo, tamén.  O queixo é o que separa á humanidade do resto dos animais. Unha copa de viño, un pouco de pan e un anaco de queixo é todo o que nos fai falta para ser felices. E se queredes seguimos, inda que penso que xa queda clara a nosa postura con respecto ó queixo.

E mira ti por onde que en Galicia se elaboran moitos e moi bos queixos, e xusto coincide que son, segundo a nosa humilde, pero experimentada, opinión, os mellores do mundo.

Temos 4 Denominacións de Orixe marabillosas e imos comezar por elas. Hai elaboracións fóra desas DO que foxen do tradicional, pero que son igualmente deliciosas, e hai moitos outros lugares no mundo onde se fan moi bos queixos. Sobre todo iso volveremos máis adiante.

Comecemos o noso percorrido. Primeiro, polo que se fai máis preto da casa. Temos raíces na Terra Chá (tamén as temos nos Ancares) polo que non podemos evitar falar dos produtos que mellor coñecemos.

DOP San Simón da Costa

adegas celme - os mellores queixos do mundo - queixería prestes

Queixos Prestes (imaxe de www.queixosprestes.com)

Prestes

O seu queixo DOP San Simón é dos mellores, sen dúbida; ese punto sutil de afumado…mmmm. Pero desta queixería destacamos ademais outras dúas cousas:

  • O seu DOP Tetilla, que é pura manteiga, cremoso, e saboroso (ou o Patelo, que é o equivalente do Tetilla, pero en formato plano)
  • A súa capacidade de innovación. Ademais dos queixos con DOP teñen moitas elaboracións que, sen ser características da zona, son altamente recomendables. Para nós, por esta orde: Cabuxa (cabra 100%), Lara e Sara (azul, de vaca), e Picante.

Onde atopalos: nas tendas propias (Vilalba e Santiago), na súa páxina, en tendas especializadas e en algunhas grandes superficies (Corte Inglés, Carrefour, etc.)

adega celme - os mellores queixos do mundo - daniberto

Queixos Daniberto (imaxe de www.daniberto.com)

Daniberto

Máis clásica en canto a variedade de queixos, pero igualmente deliciosos. Destacamos o DOP San Simón da Costa e o DOP Tetilla. Calquera deles moi recomendable, suaves e saborosos. Teñen tamén un formato pequeno (bufón), pero do que non somos tan fanáticos. Primeiro, porque estando bo, como é o caso, canto máis queixo mellor (na nosa casa, polo menos, o queixo nunca se perde). E segundo, porque nos gusta que o afumado sexa sutil e delicado, aínda que sen dominar sobre o resto, e iso parécenos que queda mellor conseguido nos formatos máis grandes.

Onde atopalos: Teñen tenda na súa páxina, soen ter algún posto tamén en moitas das feiras que se fan en Galicia, e tamén venden en algunha gran superficie (Gadis)

DOP Cebreiro

adegas celme - os mellores queixos do mundo - santo andré curado

Queixo curado Santo André (imaxe de www.campogalego.es)

Santo André

Cambiamos de DO, pero seguimos na casa posto que cos queixos do Cebreiro temos unha relación case familiar (unha metade de nós é nacida e criada nos Ancares). A textura destes queixos non é tan untuosa, teñen un punto de acidez máis elevado, polo que ó mellor non son tan “golosos”. Iso si, cun pouco de mel, ou nunha tosta con marmelada, que contraste un pouco ese punto de acidez, son unha opción perfecta para comezar ou finalizar unha comida. Se queredes probar algo diferente,  recomendámosvos que probedes o queixo curado de esta queixería, que é moito máis potente, cunha textura máis consistente e un sabor verdadeiramente espectacular.

Onde atopalos: O curado, en tendas especializadas; o resto, na maioría dos supermercados de Galicia.

DOP Tetilla

Esta DOP ten a peculiaridade de ser máis extensa xeograficamente (abrangue toda Galicia) e polo tanto a maioría das nosas queixerías favoritas producen tanto en esta DOP como a que lles corresponde por zona. É o caso de Daniberto e Prestes, por exemplo, calquera dos cales volvemos recomendar.

adegas celme - os mellores queixos do mundo - campo capela

Queixos Campo Capela (imaxe de www.campocapela.com)

Campo Capela

Outra das queixerías que nos encanta dentro da DOP Tetilla é Campo Capela. Traballan con leite crú e ademais teñen moitos outros queixos fora de DO que merece a pena probar e sobre os que falaremos, seguro, en futuras ocasións.

Onde atopalos: Campo Capela ten tenda propia en Pontedeume e na súa páxina (onde ademais podedes atopar unha extensa relación de establecementos colaboradores).

DOP Arzúa Ulloa

Con esta denominación de orixe temos unha sensación un pouco estraña. O nivel medio da DOP seguramente non ten nada que envexar ás outras tres. De feito, é un tipo de queixo que nos gusta e que consumimos con certa frecuencia. Sen embargo, cóstanos atopar unha queixería que poidamos destacar por riba das outras. Nas tendas especializadas que frecuentamos esta DOP non soe ter representación, e os queixos do súper están polo xeral ben, inda que non demos atopado (ata o de agora) ningún que realmente nos faga “tolón”. Así que este oco queda vacante de momento.

¿Como acompañalos?

Pois con calquera dos noso viños! A dúbida ofendería se non fora porque somos nós quen facemos as preguntas. En canto ó tipo de viño, para ser honestos, cada un como queira. A proba é sinxela, abrir o viño, empezar o queixo e se a cousa funciona desaparecerán os dous como por arte de maxia. Sen ánimo de condicionar a ninguén, nós en concreto creo que cada vez tendemos máis ó contraste: Pena bicada e Garabito cos afumados e máis potentes (San Simón e Cebreiro Curado) e O Souto e o Celmú cos máis ácidos e menos adstrinxentes (Cebreiro fresco, Tetilla e Arzua-Ulloa). Pero o bonito dos maridaxes é que cada un pode facer o seu como lle pete, así que recomendacións as que queirades, pero verdades absolutas as xustas.

E fin.

Cada un terá os seus favoritos, pero estes son os nosos e, polo tanto, os mellores do mundo. Se alguén nos quere recomendar algún outro, estupendo! E se nolo quere mandar para convencernos, mellor aínda; non teremos problema en revisar a nosa opinión diante dun bo anaco de pan, queixo abundante e unha copa de viño.

Saúde!!